Benvide ao noso espazo seguro

Caixa de Ritmos é un espazo no que todas, todos e todes poidamos expresarnos libremente, compartir e aprender ao noso ritmo, tódalas persoas son benvidas sempre que se teña isto en mente e todes somos responsables de manter este espazo seguro e coidarnos unhes a outres independemente de nosa raza, xénero, orientación sexual, idade, nacionalidade, apariencia física, relixión, experiencia e competencias no baile, etc.

O feito de que as nosas clases sexan para persoas a partir dos 16 anos é por cuestións de metodoloxía pedagóxica. Sen embargo, desde esa idade tes o teu espazo en todas as nosas clases, nunca é demasiado tarde para exrpresarte co teu corpo e aprender diferentes modalidades de baile.

Por desgraza o noso espazo non está adaptado a persoas con mobilidade reducida e por cuestións económicas non podemos resolver isto a curto prazo, sen embargo faremos todo o que esté na nosa man para axudar a todas as persoas que precisen acceder ao noso espazo, unha vez dentro é posible acceder a todos os espazos.

Pedímosche que sempre te lembres de tratar a todas, todos e todes con respecto e cortesía. Evita comentarios ou actitudes que poidan ferir os sentimentos dos demais. Se algo che preocupa ou se xorde algún conflito, falémolo con calma e respecto, e se é necesario, podemos buscar a axuda dunha persoa que medie na situación.

Tamén é importante que respectemos o tempo des demais. A puntualidade é unha forma de demostrar o noso compromiso e respecto polo grupo e pole profesore, así que tentemos chegar a tempo ás clases e actividades.

No noso espazo de baile, o consentimento é fundamental. Se unha danza require contacto físico, asegúrate de que ambas as partes están de acordo co nivel de contacto. O que non está permitido baixo ningún concepto é a violencia, sexa do tipo que sexa: verbal, física ou emocional. Aquí, todas e todos e todes viñemos a aprender e gozar, polo que a violencia non ten cabida.

Se nalgún momento sentes que algo non vai ben, que alguén se comportou de maneira inapropiada ou que te sintes incómodo/a/e, non dubides en falar con alguén do profesorado ou coa dirección da escola. Estamos aquí para escoitarte e para resolver calquera problema que poida xurdir. Tomamos moi en serio calquera situación que rompa co ambiente de respecto e seguridade que queremos manter.

A nosa escola comprométese a investigar calquera situación que se denuncie e a tomar as medidas necesarias para resolver o problema. Se é posible, intentaremos mediar para que todas as partes poidan chegar a un entendemento. E se se comproba que alguén non respectou as normas de convivencia, poderán tomarse medidas, que van desde unha advertencia ata a expulsión da escola sen dereito a reembolso, dependendo da gravidade do caso.

Todes temos un papel importante na creación e mantemento deste espazo seguro. Non só respectando as normas, senón tamén colaborando para que o ambiente sexa sempre positivo e acolledor.

Por último, queremos lembrar que Caixa de Ritmos é unha escola de baile con perspectiva cultural. Cada baile ten a súa historia, en moitos casos son formas de arte creadas por grupos sociais oprimidos como formas de loita por dereitos humans, ou como evasión da realidade que os oprime. Por iso é importante empaparse da cultura dos bailes que aprendes, respetando os seus valores como persoas convidadas a unha cultura que non é nosa.

Estamos aquí para bailar, aprender e pasalo ben, pero sobre todo, para apoiarnos unhes aos outres nun ambiente de respecto e amizade.

Benvide Caixa de Ritmos!