Imparte: Lindy hop e authentic jazz.
Bailarina, coreógrafa, profesora de lindy hop e authentic jazz, DJ e xestora cultural.
Directora e fundadora de Caixa de Ritmos, e cofundadora de Swing On xunto a Jorge Patiño . Ambas son pioneiras no ensino e a difusión do lindy hop e os bailes jazz en Galicia. Comezou a impartir clase en 2012 e organizar eventos relacionados co swing primeiro en Bueu e, máis tarde, en Cangas e Vigo, contribuíndo ao crecemento desta comunidade de baile na rexión.
Nas súas aulas, Elena transmite a importancia de comprender o lindy hop e o jazz como manifestacións culturais coa sua orixe na cultura afroamericana, e polo tanto abordándoas con respecto e humildade. O seu enfoque pedagóxico céntrase na exploración corporal a través da linguaxe do jazz e na riqueza rítmica, concibindo o baile como un instrumento máis dentro desta fascinante expresión artística.
Na súa faceta como DJ forma parte do colectivo Swing On DJs, tamén xunto a Jorge Patiño. As súas sesións teñen acadado un grande éxito, formando parte do cartel de diversos festivais internacionais de lindy hop e en importantes festivais de jazz por toda Galicia.
Como xestora cultural, Elena leva unha década á fronte de Swing On, demostrando unha gran capacidade de xestión e visión. Ademais, destaca como promotora de eventos, organizando ao longo destes anos multitude de encontros, entre os que sobresaen o Enxebre Swing Festival, Swing On The SEA, Swing On WIC.end e o Winter Is Coming Swing Festival.
