Ana Fernández

Ana Fernández

Imparte: Baile Galego

Cun percorrido no baile tradicional de preto de 10 anos, Ana Fernández comezou formándose en grupos folclóricos e etnográficos en Atios (O Porriño) e Coruxo (Vigo), nos que entrou en contacto cos xeitos do baile en diferentes puntos da xeografía galega, para seguir actualmente da man de Patricia Seoane.

En prol de ampliar e especializar a súa formación, a falta dun estudo regrado en torno a esta disciplina na danza, comeza asistir a numerosos obradoiros e aulas impartidos por outras docentes de gran traxectoria coma Artur Puga, Montse Rivera, Mar da Bouza, Pedro Brañas ou Marcos Botana, entre outras; nos que continúa formándose na actualidade. Ademais, complementa esta formación transmitida por outras docentes cun estudo individual das recollas a informantes de toda Galiza para crear o seu material didáctico.

Dende o 2024 ata hoxe, comeza a dar aulas de xeito regular na escola Seisporoito, dirixida por Artur Puga. Seisporoito apórtalle unha gran experiencia como docente impartindo aulas en Salceda de Caselas, Ourense, Allariz, Xinzo de Limia ou Vigo. Ademais, da escola e do seu director incorpora formación docente baseándose na exploración dos corpos e do seu control biomecánico, así coma dinámicas para transmitir o baile tradicional a diversos niveis.

Así, a metodoloxía das súas aulas baséase no entendemento do baile tradicional permitindo que este pase polo corpo, a comprensión do movemento e a integración deste para poder executalo, acompañado do contexto sociocultural que lle da forma. Pasando por diversos puntos de Galicia, Ana pretende transmitir o xeito de bailar das mulleres e homes que sustentaron o baile popular, para poder bailar todas con todas.

Jorge Patiño

Jorge Patiño

Imparte: Lindy hop e tap dance

Bailarín, docente, DJ, coreógrafo e xestor cultural.

Jorge Patiño Pérez é cofundador de Swing On xunto a Elena Branco desde 2012. Descubriu o lindy hop en Oporto en 2010, e xa vivindo en Bueu, ante a falta de lindy hop en Galicia, decidiu poñer en marcha un proxecto para crear unha comunidade lindy hopper na rexión.

Actualmente, Jorge imparte clases de lindy hop, jazz e tap dance. A súa ensinanza pon o foco na música como orixe de todo movemento, para el, bailar é unha forma de expresar corporalmente a linguaxe do jazz. Nas súas clases de jazz e tap, Jorge fomenta a improvisación e o diálogo a través do ritmo e o movemento, entendendo o baile como unha conversa en constante evolución.

O seu obxectivo como profesor é que o alumnado adestre a escoita activa, non só da música, senón tamén da parella e das demais persoas que comparten a pista e a comunidade. Jorge cre que só a través dunha escoita consciente é posible conseguir unha expresión corporal auténtica.

Ademais de ser profesor, Jorge é DJ de swing e forma parte de Swing On DJs xunto a Elena Branco. As súas seleccións musicais destacan pola diversidade de subestilos do jazz, asegurándose sempre de que cada tema teña swing para manter sempre a pista vibrando.

A súa labor como promotor de eventos é igualmente destacable, tendo organizado numerosas festas con DJs e bandas, charlas e festivais, entre os que sobresaen o Swing On The SEA, Enxebre Swing Festival, Swing On WICend e o Winter Is Coming Swing Festival.

Jorge é consciente de que o lindy hop, o jazz e o tap dance son manifestacións culturais afroamericanas que formaron parte da loita polos dereitos humanos. Por iso, realiza o seu traballo desde unha perspectiva de respecto polos orixes e tamén cunha vocación reivindicativa, usando a súa posición para loitar pola xustiza social na medida das súas posibilidades.

Carlos Tomico

Carlos Tomico

Imparte: Lindy hop

Bailarín, coreógrafo, DJ, showman, mago e MC

Carlos Tomico é un apaixoado do lindy hop que levou o seu amor polo swing a outro nivel. A súa historia co baile comeza en 2012, cando se deixou atrapar polo ritmo contaxioso do lindy hop na escola En Modo Swing en Madrid. Desde entón, non deixou de moverse ao ritmo do swing, converténdose nunha das caras máis recoñecibles da escena galega.

Desde 2014, Carlos ensinou lindy hop en Alfaia Danza en Santiago de Compostela, e levou a súa inconfundible forma de ensinar a outras escolas como Hop Dance Studio en Porto e Swing On Vigo. O seu baile está marcado pola conexión coa música, o ritmo e unha teatralidade que fai que calquera persoa queira lanzarse a bailar. Inspirado por lendas como Leon James e Harold Nicholas, Carlos non só ensina pasos, senón tamén os valores que fan do lindy hop algo tan especial.

Se algunha vez o ves pinchando música, non terás dúbida de que é un fanático empedernido de Duke Ellington. É imposible que non poña algún temazo do mestre! Aínda que, ollo, que tampouco se resiste a outros grandes como Cab Calloway ou Lionel Hampton.

Desde 2022, Carlos sumou unha nova faceta ao seu repertorio: o canto. Está tomando clases de canto moderno e jazz, e é o vocalista da banda Ballroom Music Project. Así que non só o verás bailando, senón tamén cantando!

Con un estilo de baile que é tan divertido e despreocupado como el mesmo, Carlos Tomico é un auténtico showman que sabe como facer que a música cobre vida en cada paso, cada nota e cada sorriso.